Sunday 28 de April de 2024

Trenor destaca o crecemento do Camiño Inglés que xa é a terceira opción máis elixida polos peregrinos


O delegado da Xunta participou na inauguración da cuarta edición da Primaveira no Camiño Inglés que se celebra hoxe na praza de Armas de Ferrol organizada pola Asociación de Municipios do Camiño Inglés

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou no acto de inauguración da cuarta edición de Primaveira no Camiño Inglés, unha iniciativa de promoción da gastronomía e da cultura dos municipios polos que pasada a ruta xacobea, promovida pola Asociación de Municipios do Camiño Inglés. O seu obxectivo é poñer en valor os atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos dos concellos polos que pasa esta ruta, que une Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

Entre as 11.00 e as 20.00 horas, a praza de Armas acolleu os postos dos 16 municipios adheridos á asociación: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol,Mesía, Miño, Narón, Neda Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela.

Na súa intervención destacou que o Camiño Inglés foi un dos tramos que máis creceu nos últimos tempos. No 2019 os peregrinos que realizaron este itinerario incrementáronse nun 25%, ata alcanzar os preto de 14.000.

No 2021 arredor do 8% foron peregrinos que fixeron o Camiño Inglés, situándose como o terceiro itinerario máis escollido nesta recuperación, só por detrás do Francés e do Portugués.

Ademais, lembrou que “a través do Plan Director do Camiño de Santiago, desde o Goberno galego vimos promovendo a súa posta en valor, a través de traballos de conservación e sinalización do itinerario e do seu patrimonio por un importe de preto de 2 millóns de euros”.

O representante do Goberno galego recalcou a Xunta conta cun Plan Director e Plan Estratéxico do Camiño de Santiago 2015-2021 no que investiu 105M€ e só neste Ano Santo reserva 85,8M€ para garantir a seguridade de peregrinos e turistas. Neste senso, subliñou que “ao igual que non nos quedamos de brazos cruzados nos meses máis duros da pandemia, agora seguiremos reforzando a idea de que Galicia é un destino turístico seguro, con medidas novidosas como o seguro coronavirus, que cubre os custos sanitarios, de transporte e aloxamento ante casos de contaxio de covid-19 de viaxeiros e os seus acompañantes que teñan que facer corentenas”.